Monday 06 de May de 2024

A mostra de teatro afeccionado leva catro funcións ao Elma


As artes escénicas regresan ao Elma coa mostra de teatro afeccionado que se compón de catro funcións. Estas desenvolveranse nos domingos da última quincena do mes de xaneiro e primeira semana de febreiro, ás 19.00 horas, para facilita-la asistencia do público, ademais de que a entrada é libre ata completa-la cabida da instalación municipal.

A concelleira da Cultura da Pobra do Caramiñal, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), explica que se lanza unha nova edición deste ciclo coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña para así “levar ás táboas a creatividade e talento de catro compañías constituídas por persoas interesadas no cultivo e a práctica da dramaturxia, aínda sen dedicarse profesionalmente a esta.” Xunto coa técnica municipal desta área, Fita Sanisidro, a edil remarca o compromiso da Administración local para dinamiza-la vida cultural do municipio, especialmente na estación outonal e invernal, como se constata coas funcións xa representadas no mes de novembro ou o teatro para escolares que terá lugar en próximas datas.

Mimarte iniciará a programación no día 15 con A casa das cancións. O grupo ribeirense levará á escena un musical dirixido por Tania Fuegho e inspirado en mulleres valentes e apoderadas no cal as protagonistas fan unha introspección para visualizar todo o que deixaron atrás para volveren ser elas mesmas. Con este espectáculo, a artista de Mazaricos pretende introduci-lo teatro musical no Barbanza.

No día 22 será a quenda de República sideral, a cargo de Teatro Airiños. O texto da rianxeira Esther Carrodeguas alzouse co XIV Premio Barriga Verde (2020) para escritos de teatro de monicreques na modalidade para persoas adultas. Recrea a clásica farsa da cachaporra a través de personaxes de carne e óso que parodian un intento independentista da Illa de Arousa, sempre en clave humorística.

O Club de Maiores de Boqueixón recalará no día 29 con Un morto moi vivo. Ramón Molina dirixe esta comedia de enredo na cal unha vintena de intérpretes amateurs soben ás táboas coa trama dun home avaricioso que simula a súa morte e organiza un velorio ao grande.

As sesións chegarán á súa fin xa no mes de febreiro; concretamente, no día 5, coa obra O Banco, da man de Teatro das Maniotas, do IES de Brión, que trasladará o público a Vilaxaxún, onde se artella un atraco que se atopa coa resistencia dunha axente de seguridade aspirante a policía local que non sabe usar unha pistola; situación que fai que aumente o caos do cal son testemuñas varias persoas da vila.